Sunday 28 de April de 2024

Pablo Lago Sanmartín toma posesión como alcalde de Brión para os próximos catro anos


Felicitou aos concelleiros electos e animounos a traballar polo benestar de todos os veciños e veciñas de Brión

O Pleno municipal de Brión, constituído esta mañá despois das eleccións do pasado 28 de maio, elixiu a Pablo Lago Sanmartín como alcalde para os próximos catro anos. Pablo Lago recolleu o bastón de mando de mans da presidenta da mesa de idade, Rosa Romero, e fixo unha breve intervención como alcalde.

Nela, agradeceu o apoio dos seus compañeiros do grupo socialista, felicitou a todos os concelleiros e concelleiras electos e deu a benvida aos que se incorporan por primeira vez. Así mesmo, deu as grazas tamén ás familias polo seu apoio, ao tempo que lles adianta as desculpas polo tempo que a política lle quita á vida familiar. Finalmente, un emocionado Lago Sanmartín convidou a todos os presentes a “traballar e facelo o mellor posible polo benestar de todos os veciños e veciñas de Brión”.

A sesión desenvolveuse de forma moi rápida da man do secretario municipal. Tras a constitución da mesa de idade, composta por dúas concelleiras socialistas (Rosa Romero e Sandy Cebral), o secretario chamou un por un a todos os concelleiros/as electos/as para que tomaran posesión dos seus cargos, dando conta da renuncia da número 3 do PP, Natalia Fariña García. Todos eles optaron pola fórmula de prometer o cargo, dous concelleiros do PP preferiron xuralo e un concelleiro do BNG prometeu o cargo “por imperativo legal”.

Á votación do alcalde so concorreron dúas candidaturas: Pablo Lago Sanmartín e María Fariña Bellón, que obtivo os 6 e 4 votos dos seus respectivos partidos. O BNG decidiu non presentar candidatura e optou pola abstención. Así, a nova corporación municipal de Brión queda composta por 6 concelleiros do PSOE, 4 do PP e 3 do BNG:

– Pablo Lago Sanmartín (alcalde, PSOE)
– Sandy Marie Cebral Gómez (PSOE)
– Carlos Noya Pereira (PSOE)
– María Guarina Rey Vázquez (PSOE)
– José Antonio Vidal González (PSOE)
– María Rosa Romero Fariña (PSOE)
– María Fariña Bellón (PP)
– Waldo Carballo García (PP)
– Adrián García García (PP)
– Trinidad Yolanda Rico Rodríguez (PP)
– Xosé Luís Penas Corral (BNG)
– Teresa A. Andrade Carrillo (BNG)
– Fructuoso Souto Castiñeira “Tito” (BNG)